Tecnópole formará ao profesorado galego para que a rapazada aprenda a investigar na escola
Galiciencia, a maior feira científica da comunidade, cumpre este ano o seu 20 aniversario. Impulsada polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, e enfocada ao estudantado de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e Educación Especial, terá lugar os días 14, 15 e 16 de maio de 2025. Para conmemorar estas dúas décadas do certame, elixiuse como tema a “’Neurociencia e saúde mental’.
Galiciencia realízase en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.
Como investigar na escola
Con motivo do 20 aniversario de Galiciencia, Tecnópole vai promover un curso gratuíto para docentes de Secundaria, Bacharelato e FP de toda a comunidade, centrado na investigación no ámbito educativo. Con esta iniciativa búscase mellorar as habilidades do profesorado para estimular e guiar do mellor xeito posible ao alumnado no desenvolvemento de proxectos de ciencia e tecnoloxía.
Durante o curso, abordarase como xerar e enfocar un tema de investigación. Explicarase como orientar á rapazada neste proceso, desde a planificación e realización da investigación ata a análise dos resultados e a comunicación dos mesmos. Incidirase en aspectos clave como saber identificar recursos fiables, aportaranse consellos para evitar o plaxio, ao tempo que se aportarán ferramentas tecnolóxicas de grande utilidade. Amosarase así mesmo como se debe presentar un traballo de investigación científica, tanto escrito como oral. Por último, exploraranse feiras galegas e nacionais como Galiciencia, ás que o alumnado pode presentar as súas propostas.
Esta actividade formativa constará de varias sesións on line, que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses, de outubro a decembro, e outra presencial que terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia en xaneiro de 2025.
Requisitos para participar no curso
Como máximo poden participar dous docentes por centro educativo, que deberán estar en activo impartindo a etapa de Ensino Secundario, Bacharelato ou FP. Buscarase a equidade entre as catro provincias galegas e tamén na participación de xénero. Terá prioridade o profesorado que imparta materias de ciencia ou tecnoloxía e o de centros públicos de Galicia. Hai un total de 30 prazas dispoñibles.
A inscrición deberá realizarse entre o 23 e o 27 de setembro, a través dun formulario accesible a través da páxina web cursodocentes.galiciencia.com-. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional aprobou o recoñecemento de horas de formación docente para os participantes no curso.
O equipo docente
O curso impartirano dous prestixiosos divulgadores: Patricia Barciela e José Viñas. Patricia Barciela é directora técnica da Domus – Museos Científicos Coruñeses desde 1998. Profesional da comunicación científica, ten participado en numerosos proxectos nacionais e internacionais neste eido e posúe unha dilatada experiencia como formadora de profesorado para introducir a ciencia na aula.
Pola súa parte, Jose Viñas é asesor no Centro de Innovación Educativa e Dixital (CIEDIX). Ten gañado diversos premios educativos como Innovagal, Educa Abanca ou Europeana, entre outros; e o seu labor foi recoñecido en feiras como Ciencia en Acción, Diverciencia ou Exporecerca. Foi asesor pedagóxico do portal European Schoolnet e mentor en diferentes proxectos internacionais. Na actualidade é embaixador de Scientix -a comunidade para o ensino das ciencias en Europa- e membro da xunta consultiva do proxecto europeo EduWorld.