Tres centros ourensáns participan na feira InnovArt

InnovArt, o maior evento en Galicia de promoción e difusión destas ensinanzas, arrancou este xoves coa presenza de tres centros ourensáns. Trátase da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, o Conservatorio Profesional de Música de Ourense e o CIFP A Farixa
A feira ten como obxectivo facilitar que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiarice e tome contacto cos ámbitos da arte dramática, as artes plásticas e o deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. InnovArt ofrece máis de 300 actividades entre obradoiros interactivos, exposicións, actuacións de danza e teatro, concertos e actividades deportivas, que se desenvolverán na vintena de espazos dispostos na feira. Ademais, os estudantes e docentes das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas ofrecerán asesoramento sobre elas ao alumnado que se achegue desde centros educativos de toda Galicia para visitar a feira
Representación da actividade dos centros
InnovArt ten como obxectivo fomentar entre o alumnado as ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que se ofrecen en Galicia con mostras de material orixinal a través de actividades expositivas, conferencias e obradoiros nos que o alumnado terá unha participación máis interactiva. Así mesmo, celebraranse concertos de música e actuacións de danza e teatro nos dous escenarios especialmente preparados para a ocasión
No ámbito das ensinanzas artísticas representarán parte da súa actividade a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (Pablo Picasso da Coruña, Ramón Falcón de Lugo, Antonio Faílde de Ourense e Mestre Mateo de Santiago de Compostela), a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia en Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo
Tamén estarán presentes os sete conservatorios profesionais de música (da Coruña, de Ferrol, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra, de Santiago de Compostela e de Vigo) e os dous conservatorios superiores de música, situados nas cidades da Coruña e Vigo
A feira contará tamén coa participación das escolas oficiais de idiomas de Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. No ámbito das ensinanzas deportivas, participarán nesta cita cinco centros con ensinanzas deportivas da Consellería de Educación, en concreto os institutos IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e IES Río Cabe (Monforte), así como os centros integrados de FP CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa)