Un milleiro de escolares de Barbadás participaron na exhibición dos servizos de emerxencias
A unidade canina da Garda Civil, a “patrulla canina” como a identificaron os nenos e nenas, foron os grandes protagonistas da exhibición dos servizos de emerxencias que tivo o Paseo dos Amieiros de Barbadás como escenario e na que participaron un milleiro de escolares dos CEIP O Ruxidorio e Filomena Dato e do CPR Luis Vives, ademais de usuarios de Centro Ocupacional As Burgas. Os cans realizaron unha demostración de como detectan substancias estupefacientes e gañaron os aplausos dos asistentes.
Durante toda a xornada, os nenos e nenas tiveron ocasión de coñecer de preto o traballo dos profesionais que velan pola seguridade da cidadanía e incluso de coñecer algúns dos medios que empregan, como detectores de explosivos ou os equipamentos para manipular materiais radiactivos. Os bombeiros despregaron a grúa máis grande da provincia para simular un rescate no piso máis alto dun dos edificios deste entorno da Valenzá no que durante toda a mañá resoaron as sereas.
Un dos momentos máis emotivos foi a homenaxe que se rendeu a José Nicanor e Antonio Rodríguez, dous bombeiros de Ourense que se xubilan despois de 41 anos e 31 anos de traballo, respectivamente. Recibiron un agasallo das mans do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; da concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Barbadás, Elisabeth González, e do concelleiro de Emerxencias, Dani Rey.
É o segundo ano que Barbadás organiza esta espectacular exhibición e nesta ocasión aumentaron os medios de seguridade e servizos de emerxencias que se deron a coñecer aos escolares e que foron os seguintes: Garda Civil, Policía Nacional, Consellería de Medio Rural, Bombeiros San Cibrao e Ourense, Protección Civil de Barbadás e Ourense, Policía Local del Barbadás, Axega 112, Patrimonio Natural e a Axencia de Doazón de órganos e Sangue.