Un total de 52 municipios ourensáns benefícianse das axudas do Goberno para ter conexión 5G no rural

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, celebrou hoxe en Petín que 75 proxectos repartidos por 52 municipios da provincia de Ourense se beneficien das axudas do Ministerio para la Transformación Digital y la Función Pública para desfrutar do 5G. “Buscamos garantir a igualdade de oportunidades e a calidade de vida nas vilas pequenas”, salientou.
Fíxoo nun encontro coa alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, que o recibiu na Casa do Concello da localidade. Alí, o subdelegado explicou que o programa UNICO 5G – Redes Activas achega a conectividade ás zonas rurais mediante a provisión de equipamento activo e infraestrutura auxiliar necesaria nos servizos móbiles con tecnoloxía 5G.
O Goberno inviste 4,7 millóns de euros na provincia de Ourense, onde son subvencionados 75 proxectos. En concreto, na comarca de Valdeorras lograron as axudas 10 emprazamentos: tres de eles en A Veiga e o resto repartidos polos concellos de Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, O Bolo e Vilamartín.
Esta liña de axudas está totalmente destinada a concellos de menos de 10.000 habitantes para dotar ao rural das infraestruturas fundamentais para a vida cotiá. “Unha vez máis, reafirmamos o compromiso do Goberno de España coa loita contra o despoboamento do rural”, remarcou Santos.
Ademais, a Secretaría de Estado de Telecomunicaciones e Infraestructuras Digitales promove tamén o plan UNICO 5G Redes – Backhaul Fibra Óptica para facer as conexións necesarias a emprazamentos de redes de comunicacións electrónicas de servizos móbiles.
Estas axudas contribúen, por unha banda, á redución da fenda dixital nas zonas rurais e, por outra, a facer fronte ao reto demográfico.
Estes programas pretenden completar outros xa postos en marcha dende o 2020 para mellorar a conectividade no 100% do territorio. De feito, houbo catro convocatorias do programa UNICO - Banda Ancha, nas que o Goberno de España inviste máis de 24 millóns de euros na provincia de Ourense. Así, pode facerse posible a instalación de fibra óptica nun total de 5.492 vivendas da comarca de Valdeorras.
O programa UNICO 5G Redes Activas é unha iniciativa pioneira en Europa. Destina fondos do Plan de Recuperación para financiar equipamentos activos e a construción de torres que amplíen o despregamento do 5G con funcionalidade plena en municipios pequenos. O obxectivo é dotar de cobertura 5G a localidades nas que non existe cobertura móbil 4G de polo menos 50 Mbps en sentido descendente, e onde non está prevista que a haxa nos próximos tres anos.