Unha exposición amosa en Ourense 70 fotografías premiadas co 'The Comedy Wildlife Photography Awards'

A comicidade agochada na natureza chega á Sala de Exposicións Afundación de Ourense contada a través das fotografías que compoñen a exposición "Comedy Wildlife". Todas as imaxes que a conforman foron distinguidas entre 2015 e 2024 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor polo galardón 'The Comedy Wildlife Photography Awards'.
A exposición, que é unha produción de Afundación e está organizada en colaboración con Terra Espléndida, foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela, e a responsable de Innovación e Orientación nos Programas Educativos de Afundación, Carmen Pérez. Estará aberta ao público ata o vindeiro 11 de maio, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas, e sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.
"Comedy Wildlife" chega á Sala de Exposicións Afundación de Ourense tras encher nos últimos dous anos museos e centros de exposicións de Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá, e atraer a máis de 15.000 visitantes no Teatro Afundación de Vigo. Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico. Así, ademais de realizar accións directas de voluntariado ambiental como o programa PLANCTON, Afundación recibe cada ano máis de 8.000 visitantes en Naturnova, o Centro de Educación Medioambiental de Vigo. A través destas e doutras propostas, o obxectivo é promover na sociedade maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.
A exposición 'Comedy Wildlife'
"Comedy Wildlife" é unha exposición que cativa a toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como un xeito efectivo de involucrar ao público co encanto do reino animal. Así, as 70 instantáneas seleccionadas que se presentan en Ourense amosan, nas posicións e momentos máis divertidos, animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns ou píllaras.
Asegura o cofundador dos premios 'The Comedy Wildlife', o fotógrafo especializado en natureza Paul Joynson-Hicks, que "as cuestións de conservación e sostibilidade da vida silvestre están gañando impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes". E por iso se animou, xunto cos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. "Desde 2015 premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo extraordinariamente fermoso e interconectado".
"Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión nin tabús que deban ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo, que está ben documentado como un dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente aos animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta", subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
Actividades didácticas
Para facer máis accesible esta exposición e os seus contidos á comunidade escolar, Afundación deseñou un amplo programa de actividades educativas e obradoiros adaptados ás diferentes idades.
"Comedy Wildlife" forma parte así mesmo do programa "Cultura por alimentos" de Afundación. Os visitantes poderán levar alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución aos bancos de alimentos locais a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).