Unha vintena de veciños e veciñas de Amoeiro sumáronse á inciativa 'Sobes ao autobús do Teatro?'
O pasado venres, a veciñanza de Amoeiro achegouse ao Salón Teatro de Santiago de Compostela a ver a obra 'Terceiro acto' acompañados pola Tenente de Alcalde e Concelleira de Cultura de Amoeiro, Beatriz Pérez.
Esta actividade enmárcase dentro programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, 'Sobes ao autobús do teatro?', que chegará durante este mes de outubro a cincuenta concellos galegos.
'Terceiro acto' ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre a escena, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizarán o seu legado e proxectaranse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.
O espectáculo convértese deste xeito nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices fúndense nas personaxes para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das experiencias dunha parte viva do teatro en Galicia, o que conecta tamén coa conmemoración da traxectoria de catro décadas de teatro público, desde a fundación do Centro Dramático Galego en 1984.