Xa pode visitarse en Ourense a mostra ‘Un caso de violencia contra a muller no século XVI: a morte de Bárbara de Carranza en 1570’
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou este luns pola tarde no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, coincidindo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a mostra Un caso de violencia contra a muller no século XVI: a morte de Bárbara de Carranza en 1570, que permite, apuntou, “sensibilizar á sociedade desde todos os eidos, tamén desde o cultural, contribuíndo con propostas como esta que abordan o problema desde unha perspectiva histórica”.
Así, tal e como explicou o representante do Goberno galego, a exposición está protagonizada por un documento notarial conservado no centro ourensán que recolle un relato de 1570 onde Fernán Pérez de Lemos deixa por escrito un caso de violencia machista nesa época, que derivou no falecemento, segundo aporta este texto, de Bárbara de Carranza.
Esta peza estará exposta ata o 30 de decembro acompañada de varios paneis explicativos onde aparece transcrita a historia completa. Ao material tamén se engade un vídeo producido polo propio Arquivo dedicado a este caso e complétase con outra información escrita para os visitantes co obxectivo, apuntou Anxo M. Lorenzo “de achegar á cidadanía un contexto histórico desde o que poder reflexionar tamén sobre a situación na actualidade”