Xunqueira de Ambía contará cunha nova residencia de maiores
O pleno da Deputación de Ourense, na sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo, aprobou os convenios de colaboración con sete concellos da provincia para a construción doutras tantas residencias para maiores, cun investimento por parte da institución provincial de 2.650.916,95 euros nas anualidades de 2024 e 2025.
Estes convenios permitirán cofinanciar a construción de centros para maiores nos concellos da Gudiña, A Teixeira, Laza, Piñor, Trasmiras, Xunqueira de Ambía e Os Blancos, contando para este fin co apoio económico da Xunta de Galicia. Así, o Goberno galego achegará un investimento de 8.344.765,39, tamén nas dúas anualidades citadas.
No cofinanciamento destas residencias tamén participan tres dos sete concellos: A Teixeira e Trasmiras achegarán 336.944,26 euros, respectivamente, mentres que Piñor aportará 1.000 euros.
Estes convenios de colaboración enmárcanse no ámbito competencial da Deputación e das entidades locais, tendo como finalidade garantir a prestación de servizos de interese público, como é o caso das residencias para maiores.