108 policías en prácticas incorpóranse ás comisarías das catro capitais

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, deu hoxe a benvida na Coruña aos 108 policías en prácticas que o Goberno incorpora ás comisarías da comunidade autónoma, “froito dun esforzo que fai posible que hoxe haxa un 20% máis de efectivos en Galicia que en 2018, é dicir, 500 profesionais máis”. Fíxoo nun acto celebrado na Praza de María Pita, no que participaron tamén o Xefe Superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.
Na súa intervención, Pedro Blanco destacou o papel que desenvolve a Policía Nacional en Galicia, formada por “máis de 3.000 homes e mulleres que representan o espírito de servizo, de compromiso e de proximidade coa poboación das nosas áreas urbanas”. “Grazas a un equipo humano excepcional, este corpo conseguiu os mellores índices de eficacia policial da última década”, subliñou.
Ademais, o delegado trasladoulles aos novos policías en prácticas o reto que supón desenvolver o seu labor en Galicia, onde hai “realidades moi distintas, áreas industriais, zonas con presión turística e territorios fronteirizos, entre outras características singulares”. “Cada unha require de respostas adaptadas ás súas realidades, polo que serán un excelente espazo de aprendizaxe”, apuntou.
Nesta liña, Pedro Blanco agradeceu ao Corpo Nacional de Policía a súa contribución a facer de Galicia a segunda comunidade autónoma máis segura de España. “Isto permítenos mirar ao futuro con optimismo e coa confianza de contar con ambiente propicio para o desenvolvemento de proxectos vitais, profesionais e empresariais”, resaltou.
Ademais, o delegado fixo fincapé no reforzo de efectivos que está a realizar o Goberno na Policía Nacional, “coas convocatorias de acceso máis numerosas dos últimos 15 anos”. “Un esforzo que segue e que nos permitirá sumar máis efectivos no futuro posibilitando que as ratios por habitante sexan cada vez máis altas”, indicou.
Con esta nova incorporación de alumnado en prácticas, Galicia suma 108 novos efectivos que estarán 11 meses en brigadas de seguridade cidadá, policía xudicial, estranxeiría e fronteiras, policía científica e información, así como nas oficinas de denuncias. Por provincias, o reparto é o seguinte: 50 na Coruña, 38 en Pontevedra, 12 en Lugo e 8 en Ourense.