14 nenos e nenas saharauís visitan Ourense dentro do programa Vacacións en Paz

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto coa concelleira Tamara Silva e o concelleiro Armando Ojea, recibiu esta mañá os 14 nenos e nenas saharauís que pasan este verán na cidade acollidos por familias ourensás, no marco do programa Vacacións en Paz e coa colaboración do Concello.
Durante o encontro, o rexedor deulles a benvida a Ourense e desexoulles unha feliz estadía durante as próximas semanas. “É unha marabilla vervos aquí ano tras ano. Os veráns de Ourense enriquécense con xente coma vós”, sinalou.
Na recepción tamén participaron América López, representante da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps), entidade encargada de organizar o programa, e as familias acolledoras. López agradeceu o apoio do Concello e animou a outras familias a participar nesta iniciativa, xa que “supón moitísimo para eles vir aquí durante estes dous meses”, ao permitirlles, entre outras cuestións, mellorar a súa alimentación e realizar recoñecementos médicos.
Os menores proceden dos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf, no suroeste de Alxeria, e pasan os meses de verán lonxe das temperaturas extremas desta zona desértica, onde durante esta época do ano se poden superar con frecuencia os 50 graos.
Entre os participantes hai catro nenos e nenas que realizan por primeira vez a súa estadía en Ourense, mentres que outros xa repetiron a experiencia en anos anteriores. Entre eles atópase tamén unha nena que participa por última vez no programa, polo que este verán supón o peche da súa etapa en Vacacións en Paz.
O grupo permanecerá na cidade acollido polas familias ourensás ata comezos do mes de setembro.