21 centros educativos da cidade de Ourense participan nun programa de obradoiros sobre alimentación saudable

OurenseXa
O programa achegarase a arredor de 800 alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos co obxectivo de fomentar hábitos alimentarios equilibrados desde as primeiras etapas da infancia
obradoiros-alimentacion-escolares-ourense
22 Apr 2026

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Educación, está a desenvolver unha nova edición dos obradoiros de alimentación saudable dirixidos ao alumnado de Educación Infantil, cunha participación que supera os 800 escolares.

En total, 807 nenos e nenas de 21 centros educativos da cidade forman parte desta iniciativa incluída no programa municipal “Educación en Saúde”, que se enmarca na conmemoración do Día da Saúde. As actividades están destinadas a menores de entre 3 e 5 anos e teñen como finalidade fomentar hábitos alimentarios equilibrados desde as primeiras etapas da infancia.

A concelleira de Educación, Tamara Silva, visitou unha das sesións celebradas no CEIP Concepción Arenal, onde puido coñecer de primeira man o desenvolvemento desta proposta educativa.

Durante os obradoiros, os escolares participan en actividades prácticas nas que degustan alimentos adaptados á súa idade, como froita, iogur ou pequenas preparacións como minipizzas, co obxectivo de achegarlles dunha maneira lúdica conceptos básicos sobre unha dieta saudable.

Desde a Concellería de Educación sinalan que o programa busca consolidar hábitos nutricionais correctos que se manteñan no tempo e contribúan á prevención de problemas de saúde asociados a unha alimentación inadecuada.

0.1203191280365