27 municipios ourensáns crearon a súa propia agenda 2030 grazas ao proxecto OUDS
O Centro Cultural Marcos Valcárcel, acolleu o acto de peche do proxecto OUDS AXENDA 2030, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e A2030 e que contou cun investimento de 183.172,46 euros.
O acto estivo centrado en poñer en valor o labor técnico e comunicativo realizado, tanto internamente na propia Deputación, como en cooperación cos 27 concellos participantes: A Bola, A Peroxa, A Rúa, Allariz, Arnoia, Bande, Baños de Molgas, Carballeda de Avia, Celanova, Entrimo, Lobios, Muíños, O Barco de Valdeorras, O Pereiro de Aguiar, Oímbra, Ribadavia, San Cibrao das Viñas, Xinzo de Limia, San Xoán de Río, Castrelo de Miño, Riós, Cenlle, Lobeira, A Teixeira, O Carballiño, Maside e A Pobra de Trives.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, agradeceu a súa implicación aos axentes impulsores da iniciativa, entre os que destacan representantes políticos dos 27 concellos participantes e os técnicos responsables das axendas 2030. Este encontro serviu como escenario para sentar as bases das alianzas estratéxicas que permitan seguir avanzando nos ODS na provincia e representa importancia de xerar un relato en positivo para o rural. De feito, Menor amosouse orgulloso “de que a nosa provincia cumpra cos obxectivos ODS, dando as ferramentas para avanzar xuntos en materia de sostebilidade”.
Neste senso, salientou a importancia destas iniciativas “que nos invitan a traballar dende o rural en prol de acadar obxectivos globais”. O presidente provincial tamén quixo recalcar que con este proxecto, a Deputación de Ourense dá un paso á fronte polo desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático, xa que, “os ODS amosan o camiño a seguir nunha provincia na que temos moito que ensinar polo noso gran potencial en lonxevidade”.
Co OUDS A2030 realizáronse as Axendas 2030 municipais, visitáronse 12 capitais comarcais nas que se instalou unha carpa con material do proxecto, realizáronse obradoiros de ODS en 18 centros de educación infantil e primaria e concienciouse ao sector produtivo da provincia.
O acto de peche deste programa, que se realizou durante os últimos 6 meses, concluiu coa foto de familia dos participantes e a entrega dun distintivo a todos os concellos participantes en agradecemento e recoñecemento ao seu compromiso.