27 pacientes con ELA son atendidos no CHUO nun circuíto multidisciplinar de atención rápida

Na actualidade, un total de 27 pacientes con esclerose lateral amiotrófica (ELA) están a seguimento a través do circuíto rápido multidisciplinar da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, un sistema específico do Hospital Universitario de Ourense que coincide coa conmemoración do Día Mundial da ELA, este domingo 21.
Este procedemento, impulsado polo Servizo Galego de Saúde e en funcionamento en Ourense desde 2019, permite agrupar nunha mesma xornada consultas e probas de distintas especialidades, co obxectivo de reducir desprazamentos, mellorar a coordinación asistencial e facilitar a toma de decisións conxuntas.
O circuíto está organizado cada quince días, en mércores alternos, e reúne nunha mesma área da terceira planta do edificio Cristal a profesionais dos servizos de Neuroloxía, Pneumoloxía, Rehabilitación, Endocrinoloxía-Nutrición, Psicoloxía Clínica e Traballo Social. En cada sesión son atendidos unha media de cinco pacientes.
Este modelo permite concentrar consultas, probas e valoracións nun único acto asistencial, cunha media de catro revisións anuais programadas por paciente, evitando múltiples desprazamentos ao hospital e reducindo os tempos de espera tanto para os doentes como para os seus coidadores.
A coordinación do circuíto recae no servizo de Neuroloxía e no Servizo de Admisión, desde onde unha xestora organiza as axendas, programa as consultas e probas e resolve incidencias para garantir que a atención se realice nunha única visita.
Segundo se explica, este sistema facilita tamén o traballo conxunto dos profesionais, que comparten información clínica e avalían cada caso desde distintas perspectivas para adoptar decisións personalizadas e consensuadas, sempre coa participación do paciente.
A atención multidisciplinar abrangue non só aspectos clínicos, senón tamén necesidades funcionais, psicolóxicas e sociais que van aparecendo ao longo da evolución da enfermidade. Neste marco, destaca tamén a colaboración con entidades como a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela), que estes días instalou unha mesa informativa no hospital ourensán para dar visibilidade ás familias afectadas, máis de 160 en toda Galicia.
A esclerose lateral amiotrófica é unha enfermidade neurodexenerativa progresiva que afecta ás neuronas motoras e que, na actualidade, non conta cun tratamento curativo. Por este motivo, a atención céntrase en manter a maior calidade de vida posible, preservar a autonomía e acompañar pacientes e familias ao longo de todo o proceso.
O modelo asistencial integrado da ELA promovido polo Sergas aposta pola coordinación entre niveis asistenciais, a continuidade dos coidados e a organización do sistema sanitario arredor das necesidades das persoas afectadas, con obxectivos como reducir os tempos diagnósticos e facilitar consultas multidisciplinares nun único acto asistencial.