661 nenos e nenas gozan do verán no Campamento Urbano ”Cidade de Ourense”

OurenseXa
As nenas e nenos participantes neste campamento celebraban este mércores o Día da Boa xente, que se desenvolveu na Praza Maior coa presenza de representantes dos corpos de seguridade e diferentes servizos públicos
Campamento urbano Cidade de Ourense, 2024
8 Ago 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, saudaron as nenas e os nenos que participan no Campamento Urbano ”Cidade de Ourense”, que organiza desde o 1 ao 13 de agosto, a Asociación Xuvenil Amencer coa colaboración do Concello.

O campamento, co lema Un soño de verán, chega este ano á súa edición número 37, e conta coa participación de 661 nenos e nenas, dentro do campamento infantil, de 63 no campamento xuvenil, e de 87 voluntarios e voluntarias.

O alcalde deulle as grazas á asociación Amencer polo seu labor á fronte dun campamento “marabilloso”, e o voluntariado que colabora no seu desenvolvemento. Jácome animou os nenos e as nenas a desfrutar do verán na cidade, a participar nas diferentes actividades programadas, a acudir ás instalacións acuáticas de Oira e Monterrei, e a asistir ás festas que se desenvolverán na cidade despois do verán, en primeiro lugar as do barrio de San Francisco e, o 31 de outubro, Halloween.

Nenas e nenos participantes no Campamento Urbano celebraban este mércores o Día da Boa xente, que se desenvolveu na Praza Maior coa presenza de representantes dos corpos de seguridade e diferentes servizos públicos. Unha actividade que ten como finalidade que a rapazada coñeza o labor que desenvolven na cidade, teña contacto directo cos seus profesionais e coñeza as súas ferramentas de traballo. A programación do campamento continuará mañá cunha saída á praia.

0.19171786308289