A 39ª edición do Campamento Urbano de Ourense regresa no mes de agosto

OurenseXa
O programa ofrecerá nove días de actividades gratuítas dirixidas a mozos e mozas de entre 8 e 16 anos
Campamento urbano 'Cidade de Ourense 2024', foto de Amencer Asoaciación Xuvenil
18 Jun 2026

O Concello de Ourense e a Asociación Xuvenil Amencer presentaron esta mañá a 39ª edición do Campamento Urbano, unha das citas de lecer xuvenil máis consolidadas do verán na cidade, que arrancará o vindeiro 3 de agosto.

O programa ofrecerá nove días de actividades gratuítas dirixidas a mozos e mozas de entre 8 e 16 anos, con inscricións que se abrirán o luns 22 de xuño a través da web da entidade organizadora, www.amencer.org.

A presentación tivo lugar no salón de plenos do Concello e contou coa participación da concelleira de Xuventude, Tamara Silva, xunto aos coordinadores do campamento Javier Carballo e Pablo Seara, o coordinador de Amencer, Xulio Vilar, e o xerente da asociación, Xulio César Iglesias Blanco.

Durante o acto, a concelleira destacou a importancia de “contar un ano máis con esta actividade, que cada ano segue medrando”, e puxo en valor o traballo da entidade organizadora coa mocidade “con actividades lúdicas, deportivas, de traballo en equipo e en valores”.

O Campamento Urbano manterá o seu carácter aberto e gratuíto para a infancia e a mocidade, e contará tamén cunha modalidade específica para maiores de 15 anos.

A programación estrutúrase en nove xornadas: tres días completos, con horario continuado de 10:30 a 19:30 horas, e seis días en formato partido, con sesións de mañá (10:30 a 13:30) e tarde (16:30 a 19:30). No caso dos maiores de 15 anos, haberá ademais actividades en horario nocturno.

0.14167213439941