A actuación deste martes de Fin de Ano da orquestra París de Noia pechará un treito da rúa do Progreso
A rúa do Progreso de Ourense estará cortada ao tráfico mañá, martes 31 de decembro, debido á actuación da orquestra París de Noia, principal atractivo da Festa de Fin de Ano organizada polo Concello.
Desde as 14.00 horas, pecharase o tramo entre a baixada á Praza de Abastos e a rúa Parada Justel para facilitar os traballos de montaxe do escenario. Os vehículos poderán circular pola rúa Parada Justel en dirección ascendente até as 23.00 horas.
A partir desa hora, o corte estenderase ata a rúa da Concordia, mantendo os desvíos pola baixada á Praza de Abastos e pola rúa Ervedelo. Estas restricións permanecerán activas ata o remate do evento, que se prevé finalizar na madrugada.
A actuación da París de Noia, unha das orquestras máis recoñecidas de Galicia, promete atraer a centos de asistentes para despedir o 2024 con música e diversión no centro de Ourense.