A AECC Ourense fai un chamamento a protexerse contra o cancro de pel

OurenseXa
A través da campaña ‘Está protexido, pero a súa pel non’ alertan do aumento de melanomas en España e chaman a reforzar a prevención especialmente en menores, traballadores ao aire libre e deportistas
crema-sol-cancro-pel
2 Jul 2026

A Asociación Española Contra o Cancro lanzou unha campaña de concienciación e prevención baixo o lema ‘Está protexido, pero a súa pel non’, na que insiste na necesidade de coidar a pel durante todo o ano para reducir o risco de cancro cutáneo.

A entidade lembra que o cancro de pel se produce polo crecemento anormal e descontrolado das células cutáneas debido á acción da radiación ultravioleta, xa proceda do sol ou de fontes artificiais como as camas solares. Neste sentido, sinala que en España en 2023 diagnosticáronse 6.800 novos casos de melanoma cutáneo, moitos deles evitables segundo o Sistema de Información Epidemiolóxica do Cancro en España (SIEC).

A Asociación subliña que o cancro de pel continúa sendo un dos tumores máis frecuentes e prevenibles, e advirte de que a súa incidencia segue en aumento. Segundo os datos achegados, máis do 80% dos melanomas e ata o 95% dos carcinomas non melanoma están causados pola radiación ultravioleta.

Un dos mensaxes centrais da campaña é que “a pel ten memoria”, xa que o dano solar acumúlase ao longo da vida. A exposición sen protección provoca lesións nas células cutáneas que incrementan progresivamente o risco de desenvolver cancro, polo que a prevención debe iniciarse desde a infancia.

A campaña pon o foco especialmente na poboación infanto-xuvenil, traballadores ao aire libre —como os do sector agrícola, gandeiro, da construción, transporte, loxística, xardinería ou turismo— e deportistas en exteriores. A entidade lembra que a protección debe manterse durante todo o ano, xa que entre o 60% e o 65% da radiación solar anual recíbese fóra dos meses de verán.

A Asociación explica tamén as diferenzas entre os principais tipos de cancro de pel. Os melanomas son menos frecuentes, pero máis agresivos e con maior capacidade de diseminación. Pola súa parte, os carcinomas cutáneos son os tumores máis habituais a nivel mundial e adoitan ter un mellor prognóstico, aínda que aparecen con maior frecuencia en zonas expostas ao sol como cara, mans, pescozo ou coiro cabeludo.

En canto á prevención, insístese en evitar a exposición solar directa nas horas de maior intensidade, entre as 11:00 e as 17:00 horas, buscar sombra sempre que sexa posible e empregar roupa adecuada, gorras ou sombreiros. Tamén se recomenda o uso de lentes de sol homologadas con protección fronte aos raios UV.

Así mesmo, a Asociación aconsella o uso de protector solar de amplo espectro con factor de protección a partir de 50, aplicándoo 30 minutos antes da exposición e renovándoo cada dúas horas, mesmo en días nubrados. Tamén desaconsella o uso de cabinas de bronceado, ao considerar que aumentan o risco de cancro de pel, lembrando que a OMS as clasifica como canceríxenas para os seres humanos.

O organismo destaca ademais a importancia da detección precoz mediante a observación de lunares e posibles cambios na pel, como asimetrías, bordos irregulares ou variacións de cor e tamaño. Ante calquera sospeita, recomenda acudir a un profesional sanitario.

A Asociación Española Contra o Cancro mantén activo o teléfono Infocáncer 900 100 036, dispoñible as 24 horas do día, os 7 días da semana, para ofrecer información, apoio e orientación a pacientes e familiares.

0.12729001045227