A Agrupación Miño celebra o seu terceiro encontro veciñal sobre violencia machista

O Espazo Veciñal Casa da Maxia, situado na Praza da Ferrería, foi o escenario do terceiro encontro veciñal dedicado á violencia machista, unha cita impulsada pola Agrupación Miño que pretende, ademais de dinamizar a súa nova sede, consolidarse como un punto de referencia para a reflexión e o intercambio de opinións sobre esta cuestión.
Durante a xornada, celebrada o 19 de novembro, desenvolveuse un faladoiro ás 11.00 horas no que participaron representantes de distintos ámbitos relacionados coa atención ás vítimas. Entre as persoas convidadas estiveron a responsable da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense e unha traballadora social da área de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), quenes trasladaron aos asistentes a súa experiencia profesional no trato con casos de violencia de xénero.
O acto contou tamén coa intervención do presidente da Agrupación Miño, así como de representantes da Rede Veciñal de Mulleres, colectivo que traballa activamente na sensibilización e no acompañamento neste tipo de situacións dentro do contorno veciñal.
Dende a organización subliñouse a importancia do papel que poden desempeñar as redes de apoio veciñal á hora de detectar, atender e previr os casos de violencia machista, destacando que a proximidade e o coñecemento mutuo entre veciñas e veciños poden ser claves para actuar a tempo ante situacións de risco.