A andaina da Asociación Asaltamontes volve o 9 de agosto a Xunqueira de Ambía

A Asociación Asaltamontes anunciou a celebración da súa tradicional andaina anual para o próximo 9 de agosto de 2026, nun formato non competitivo e con diferentes opcións de percorrido adaptadas aos participantes.
O colectivo explicou que este ano non haberá proba de trail, ao considerar que non se dan as condicións necesarias para manter o nivel organizativo e de calidade das edicións anteriores. A carreira, iniciada en 2017, chegou a consolidarse como unha referencia en Galicia, con diferentes distancias e mesmo unha modalidade ultra de 50 quilómetros.
A pesar da suspensión da competición, a asociación subliña que continuará coa súa labor de recuperación e posta en valor de camiños tradicionais, que constitúe unha das súas principais liñas de traballo.
A andaina contará cun percorrido principal de 15 quilómetros, ademais de opcións máis curtas de 3 e 8 quilómetros, co obxectivo de facilitar a participación de persoas de diferentes niveis. O itinerario incluirá sendeiros antigos, tramos de monte e novos treitos que se incorporan por primeira vez nesta edición.
Como en anos anteriores, a actividade incluirá tamén unha carreira infantil e un avituallamento final, mantendo o carácter lúdico e de encontro social da cita.