A Andaina Solidaria a favor da Fundación Andrea celebrará este sábado en Taboadela a súa sétima edición

OurenseXa
A readación irá destinada á atención de nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como das súas familias
presentacion-andaina-solidaria-andrea-taboadela
20 May 2026

A solidariedade volverá ser protagonista este sábado 23 de maio en Taboadela coa celebración da sétima edición da Andaina Solidaria organizada en apoio á Fundación Andrea, destinada a recadar fondos para a atención de nenos e nenas con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, así como das súas familias.

A iniciativa conta coa colaboración dos servizos de Pediatría e de Humanización e Atención ao Paciente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, ademais de distintas entidades e empresas que fan posible o desenvolvemento da actividade e permiten que a recadación das inscricións se destine integramente aos programas da fundación.

A proba deportiva terá saída ás 10.30 horas desde o local social da Rabeda, cun percorrido circular de 10 quilómetros que finalizará no mesmo punto. Trátase dunha actividade aberta a todas as idades, pensada non só como unha proposta deportiva, senón tamén como un espazo de encontro entre familias e profesionais sanitarios nun ambiente de lecer e ao aire libre.

A inscrición ten un custo de 10 euros e a totalidade do importe irá destinada á Fundación Andrea. Este sistema é posible grazas ao apoio de entidades colaboradoras, que asumen os gastos organizativos, seguros, avituallamento e o xantar posterior, permitindo así que a recadación se destine integramente á causa solidaria.

As persoas interesadas poden inscribirse mediante ingreso na conta habilitada pola fundación, indicando nome, apelidos, DNI e o concepto “ASOU”, ou ben contactar co servizo de humanización da área sanitaria. Tamén existe a opción de colaborar a través do denominado “dorsal 0” para aquelas persoas que desexen achegar unha doazón sen participar na andaina.

A Fundación Andrea desenvolve programas de apoio económico, acompañamento a familias desprazadas por ingresos hospitalarios e iniciativas de benestar emocional para menores en proceso asistencial. Ademais, no ámbito sanitario da provincia, a súa colaboración ten contribuído a proxectos de humanización en espazos pediátricos dos hospitais de Ourense e Verín, co obxectivo de mellorar a experiencia dos nenos e reducir a ansiedade durante a atención médica.

0.12121796607971