A Área Sanitaria de Ourense conmemora o Día do Libro 2026 con actividades de fomento da lectura para pacientes

OurenseXa
Unha das principais novidades desta edición é a participación do proxecto ArtEspida, vinculado ao Servizo de Psiquiatría en Piñor, que repartirá marcapáxinas elaborados polos pacientes implicados neste obradoiro
chuo-dia-do-libro
23 Apr 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras puxo en marcha este mércores a súa programación conmemorativa do Día do Libro 2026 cun acto institucional no que participaron representantes da Agrupación de Libreiros de Ourense e diversas entidades colaboradoras. Todas elas contribúen ao longo do ano a achegar a lectura ás persoas hospitalizadas, unha iniciativa que cobra especial relevancia nesta xornada.

Unha das principais novidades desta edición é a participación do proxecto ArtEspida, vinculado ao Servizo de Psiquiatría en Piñor. Os pacientes implicados neste obradoiro creativo foron os encargados de deseñar as imaxes dos marcapáxinas que se repartirán o 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, entre as persoas ingresadas nos hospitais públicos de Ourense, Verín e Valdeorras, incluídos nas bandexas do almorzo.

ArtEspida constitúe un espazo de creación artística no que pacientes e profesionais colaboran en actividades terapéuticas baseadas na expresión libre. Neste contexto, o proceso creativo adquire máis relevancia que o resultado final, favorecendo a participación e a expresión persoal sen xuízos nin obxectivos pechados.

A programación tamén incluíu unha mesa informativa na Ágora do Hospital Universitario de Ourense, onde se presentaron distintas accións destinadas a fomentar a lectura no ámbito sanitario e a humanizar a estancia hospitalaria. Entre elas figuran o carriño de préstamo de libros que percorre as plantas, os recunchos de lectura nos centros de saúde, as actividades na Aula de Pediatría ou as campañas de doazón de exemplares.

No acto participaron representantes institucionais e profesionais do ámbito sanitario e cultural, entre eles membros da dirección da Área Sanitaria, da Consellería de Cultura, da Agrupación de Libreiros de Ourense e doutras entidades colaboradoras. A xefa do servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, puxo en valor o papel conxunto destas organizacións, así como a implicación de persoas voluntarias e doantes que permiten manter activos os espazos de lectura.

Ao longo da xornada do xoves, a programación continuará coa entrega de libros doados pola agrupación de libreiros aos nenos e nenas ingresados nas unidades de Pediatría, así como cun obradoiro de contacontos na Aula de Pediatría, no que colaboran voluntariado e entidades sociais.

A promoción da lectura forma parte das liñas de actuación da Área Sanitaria no ámbito da humanización asistencial. Nos últimos anos consolidáronse distintas iniciativas nos tres hospitais públicos para facilitar o acceso aos libros durante o ingreso, a través de doazóns, puntos de lectura ou sistemas de préstamo móbil.

Segundo explicou Belén Piñeiro, estas accións van máis alá do fomento lector e contribúen ao benestar das persoas hospitalizadas, axudando a facer máis levadeira a súa estancia. Neste sentido, destacou tamén o papel esencial do voluntariado hospitalario e da colaboración dos profesionais para o mantemento destas iniciativas.

Diversos estudos sinalan, ademais, os beneficios da lectura no contexto sanitario. A súa integración, xunto coas artes e a cultura, pode favorecer o benestar emocional, reducir o estrés e a ansiedade e apoiar o proceso de recuperación, ademais de contribuír a unha atención máis humanizada, especialmente no caso da poboación pediátrica.

0.12537789344788