A Área Sanitaria de Ourense despide 32 novos especialistas formados nos seus centros

OurenseXa
Os profesionais finalizan a súa formación este mes tras completar a súa especialización a través das vías MIR, PIR e FIR
despedida-mir-ourense
27 May 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras celebrou esta mañá o acto de clausura do período formativo e despedida dos 32 novos especialistas que rematan a súa etapa como residentes nos centros do sistema sanitario público.

Os profesionais finalizan a súa formación este mes tras completar a súa especialización a través das vías MIR, PIR e FIR. Do total, 20 corresponden a especialidades hospitalarias e 12 a Medicina Familiar e Comunitaria.

Entre as especialidades hospitalarias inclúense Anestesioloxía e Reanimación, Pediatría, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Aparello Dixestivo, Farmacia Hospitalaria, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Nefroloxía, Neuroloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Oftalmoloxía e Psicoloxía Clínica.

A estes profesionais sumaranselles no mes de xullo os residentes de especialidades de cinco anos de duración, como Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo, Oncoloxía Médica e Medicina Interna. Ademais, recentemente tamén remataron a súa formación 17 profesionais de Enfermería Especializada (EIR), dos cales 12 continúan vinculados á área sanitaria.

Durante o acto, celebrado coa presenza de titores, responsables docentes e equipo directivo, a xerencia da área sanitaria destacou a importancia de manter o vínculo profesional co sistema público. Neste sentido, xa se lles trasladou aos residentes ofertas de continuidade laboral, que poderán materializarse unha vez se incorporen ás listas de contratación.

As opcións inclúen contratos de interinidade, continuidade ou longa duración, en función das necesidades dos servizos e da dispoñibilidade de prazas.

O programa do acto incluíu tamén unha conferencia do catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, titulada “Como ser mellores médicos; humanidade e humanismo en Medicina”.

Na clausura participaron o xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas, xunto a representantes dos residentes e responsables das unidades docentes.

Como recoñecemento final, os novos especialistas recibiron diplomas, premios e bolsas conmemorativas, ademais dun pin de prata deseñado polo escultor Manuel Buciños, símbolo dos profesionais da sanidade pública de Ourense.

0.14616298675537