A Área Sanitaria de Ourense realizou máis de 30 transplantes de órganos grazas á solidariedade de 15 doantes

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras sumouse este 3 de xuño á conmemoración do Día Nacional do Doante cun recoñecemento público ás persoas doantes e ás súas familias, cuxa xenerosidade permitiu salvar e mellorar numerosas vidas ao longo do último ano.
Segundo os datos facilitados, en 2025 a solidariedade de quince persoas doantes de órganos e máis de corenta de tecidos fixo posible a realización de máis dunha trintena de transplantes de órganos sólidos —ril, fígado e pulmón— no conxunto da comunidade, ademais de máis de oitenta transplantes de córnea.
En concreto, a actividade vinculada a estas doazóns permitiu coordinar 23 transplantes de ril, 9 de fígado e 3 de pulmón, grazas á colaboración entre distintos equipos hospitalarios e á intervención da rede de coordinación autonómica.
A Área Sanitaria destaca o labor da Unidade de Coordinación de Transplantes, integrada por profesionais de Medicina Intensiva, que traballan de forma conxunta con servizos como Anestesia e Reanimación, Neuroloxía, Oncoloxía Médica, Coidados Paliativos e Oftalmoloxía, entre outros, nun proceso asistencial complexo no que o tempo é un factor determinante.
A coordinadora da unidade, a doutora Estefanía Prol, tamén do Servizo de Medicina Intensiva, subliñou o valor humano deste xesto ao sinalar que se trata “o maior acto de solidario posible: axudar a outras persoa, dándolles unha nova oportunidade, sen sequera coñecelas”.
Prol incidiu tamén na importancia de comunicar en vida a vontade de ser doante, xa que “É importantísimo dar a coñecer ao noso entorno o noso desexo de ser doante”, lembrando que o descoñecemento desta decisión pode dificultar a resolución das familias nun momento especialmente delicado, polo que “coñecer de antemán a súa vontade facilita en gran medida a decisión da familia e por tanto o noso traballo, nun momento no que o tempo é esencial”.
No ámbito dos tecidos, o Hospital Universitario de Ourense mantense como un dos centros máis activos de Galicia na extracción de córneas, xunto co Hospital Universitario da Coruña. En 2025, a doazón de 44 persoas permitiu a obtención de 87 córneas destinadas ao Banco de Tecidos de Galicia.
Ademais, o servizo de Oftalmoloxía realizou 32 transplantes de córnea ao longo do ano pasado, devolvendo a visión a pacientes da provincia sen necesidade de desprazamentos a outros centros sanitarios.