A Área Sanitaria de Ourense recibe un novo premio nacional da Plataforma de Organizacións de Pacientes

GaliciaXa | OurenseXa
O galardón foi para o projeto “Aprendendo a desaprender”, orientado a incorporar a experiencia dos pacientes e das súas asociacións na formación dos profesionais sanitarios
entrega-premios-pop-ourense
18 Jun 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras recibiu en Madrid un novo premio nacional outorgado pola Plataforma de Organizacións de Pacientes (POP) polo proxecto “Aprendendo a desaprender”, unha iniciativa orientada a incorporar a experiencia dos pacientes e das súas asociacións na formación dos profesionais sanitarios.

O galardón foi recollido por Esther Pérez, supervisora de Formación, e Belén Piñeiro, xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, na categoría de planificación da V edición destes premios, entregados na Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS).

A organización destacou especialmente a participación das persoas pacientes na definición, implantación e avaliación do proxecto formativo, que xa forma parte da programación anual da Escola Universitaria de Enfermería de Ourense e do programa dos enfermeiros residentes en formación (EIR), e que se está a incorporar progresivamente ao conxunto de profesionais sanitarios.

A Plataforma de Organizacións de Pacientes, entidade sen ánimo de lucro que agrupa 50 organizacións e unha rede de máis de 2.000 asociacións de pacientes, promove estes premios co obxectivo de recoñecer iniciativas que fomenten a participación efectiva dos pacientes no sistema sanitario.

Nesta edición, o proxecto ourensán coincidiu con outras propostas premiadas procedentes de centros como o Hospital Sant Joan de Déu, o Hospital Infantil Universitario Niño Jesús, o Hospital Universitario del Sureste, o Departamento de Saúde do Goberno Vasco e o Ministerio de Sanidade.

“Aprendendo a desaprender” parte da idea de que a formación sanitaria debe incorporar, ademais do coñecemento técnico, a experiencia das persoas que conviven coa enfermidade e o sistema sanitario, co obxectivo de mellorar a atención e reforzar un modelo máis colaborativo e centrado nas persoas.

O proxecto suma este novo recoñecemento ao primeiro premio acadado nas IV Xornadas de Humanización da Asistencia Sanitaria do Sergas.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras acumula xa dous premios nas cinco edicións destes galardóns, e participou tamén noutro proxecto recoñecido a nivel estatal, como foi a estratexia do Sergas ante as enfermidades raras en 2022. En 2023, o Hospital Universitario de Ourense foi tamén distinguido pola súa iniciativa para a atención de persoas con sensibilidade química múltiple, baseada igualmente na participación dos pacientes e nun enfoque multidisciplinar.

0.12350797653198