A Área Sanitaria de Ourense reforza o dispositivo sanitario ante a eclipse solar

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras activará este mércores 12 de agosto un operativo sanitario especial con motivo da eclipse solar total, ante a previsión dunha importante concentración de persoas e un incremento dos desprazamentos cara aos puntos da provincia con mellores condicións para observar o fenómeno.
O dispositivo prestará especial atención á zona nororiental de Ourense, principalmente aos municipios do Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Larouco e Viana do Bolo. A vixilancia reforzada manterase durante o período no que se prevé a eclipse, aproximadamente entre as 19.30 e as 21.30 horas.
A actuación enmárcase no Nivel 2 do PLATERGA e contempla a coordinación dos recursos da Área Sanitaria cos servizos de Urxencias hospitalarias, 061, 112, ambulancias e Protección Civil.
Reforzo da Atención Primaria
No ámbito da Atención Primaria, ás 15.00 horas do mércores comprobarase a presenza dos profesionais médicos, de enfermería e administrativos nos diferentes Puntos de Atención Continuada (PAC).
Pola especial afluencia prevista na comarca de Valdeorras, o PAC do Barco contará de maneira preferente con dous profesionais médicos, dous de enfermería e un administrativo. Esta quenda comezará ás 15.00 horas do mércores e prolongarase ata as 8.00 horas do xoves 13 de agosto.
O resto dos PAC da Área Sanitaria permanecerán tamén en situación de alerta ante as posibles incidencias relacionadas co aumento dos desprazamentos e da concentración de persoas.
Entre as situacións que serán obxecto de especial vixilancia figuran os accidentes de circulación, traumatismos e caídas, posibles lesións oculares compatibles cunha retinopatía solar, problemas dermatolóxicos derivados da exposición ao sol e picaduras de insectos.
Urxencias hospitalarias en alerta
O dispositivo inclúe os tres hospitais da Área Sanitaria. O persoal de garda con presenza física e os profesionais dos Servizos de Urxencias Hospitalarias serán informados da activación do Nivel 2 do PLATERGA e da necesidade de manter a plena dispoñibilidade dos recursos asistenciais.
Tamén se alertará ao persoal médico de garda localizada para que manteña unha especial atención á súa localización e poida incorporarse de forma inmediata ao centro hospitalario no caso de ser necesario.
Pola súa banda, o transporte sanitario interhospitalario propio permanecerá en alerta e manterá dispoñibles as ambulancias medicalizadas e as unidades de soporte vital básico que poidan ser necesarias para realizar traslados entre centros.
Prevención durante a observación da eclipse
A finalidade do operativo é anticiparse ás necesidades asistenciais que poidan xurdir durante unha xornada na que se agarda unha elevada mobilidade cara ás zonas da provincia con mellores condicións para contemplar a eclipse.
A Área Sanitaria lembra tamén a importancia de adoptar medidas preventivas durante a observación do fenómeno e, especialmente, de non mirar directamente ao Sol sen utilizar sistemas de protección ocular especificamente homologados para este fin, co obxectivo de evitar lesións oculares potencialmente graves.
A coordinación entre Atención Primaria, os servizos hospitalarios, o transporte sanitario e os dispositivos de emerxencias permitirá manter unha resposta ante as posibles incidencias sanitarias que se produzan durante a tarde e noite do mércores.