A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras dá a benvida a 69 novos residentes

OurenseXa
Como novidade, o CHUO estrea este curso a especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias
benvida-novos-residentes-chuo
5 Jun 2026

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras celebrou esta mañá o acto de benvida aos novos residentes que comezan a súa formación especializada postgrao nas distintas unidades docentes acreditadas do Hospital Universitario de Ourense e nos centros de saúde da provincia.

O acto contou coa participación do xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas; o presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata; e o xefe de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Luis Antonio González, ademais de equipos directivos, responsables de docencia e titores das diferentes especialidades.

Nesta convocatoria, a Área Sanitaria cubriu as 69 prazas ofertadas, aínda que non se produciron as tomas de posesión de todos os adxudicatarios: non se incorporou un dos dous residentes de Medicina Interna nin cinco dos vinte e un de Medicina Familiar e Comunitaria. Estas seis vacantes serán ofrecidas nun procedemento extraordinario de adxudicación impulsado polo Ministerio de Sanidade, cuxas instrucións e listaxe de prazas se publicarán o 15 de xuño, con resolución prevista na segunda quincena do mes.

A nova promoción de residentes está integrada por profesionais de múltiples ámbitos, entre eles Medicina Familiar e Comunitaria, Pediatría, Psiquiatría, Psicoloxía Clínica, distintas especialidades de enfermería, así como áreas médicas, cirúrxicas e de servizos centrais. Entre todas elas, destaca a incorporación por primeira vez da especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, recentemente creada a nivel estatal e que se estrea no Hospital Universitario de Ourense.

Un dos residentes desta nova especialidade explicou durante o acto que “é un orgullo poder iniciar aquí unha formación que marca un antes e un despois na atención ás urxencias”.

Tras a benvida institucional, os novos residentes realizaron os trámites de incorporación, recollida de uniformes, activación de tarxetas identificativas e primeiras visitas aos servizos e unidades nos que desenvolverán a súa actividade formativa, sempre acompañados polos seus titores.

No caso dos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria, o acto incluíu ademais a elección de centro docente e titor. Este ano formaranse nos centros de saúde de A Ponte, A Cuña, A Carballeira, Valle Inclán, Novoa Santos, O Couto, O Carballiño, Xunqueira de Ambía, Toén e Nogueira de Ramuín.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras destacou tamén a súa ampla experiencia como contorna docente, combinando a formación no Hospital Universitario de Ourense cunha extensa rede de atención primaria que permite aos residentes coñecer diferentes realidades asistenciais tanto urbanas como rurais.

0.10867118835449