A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras participa nun encontro co alumnado de Enfermaría de Chaves

OurenseXa
A xornada serviu para presentar oportunidades laborais no sistema sanitario público galego e reforzar a cooperación transfronteiriza coa Eurocidade Chaves-Verín
encontro-enfermaria-ourense
16 Jun 2026

A Dirección de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras participou hoxe nunha xornada dirixida ao alumnado que está a finalizar os seus estudos na Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa – Alto Tâmega, situada en Chaves. O obxectivo da actividade foi dar a coñecer ao estudantado as oportunidades profesionais e as vantaxes laborais que ofrece o sistema sanitario público galego, así como as posibilidades de emprego nos hospitais e centros de saúde da provincia de Ourense.

Segundo se explicou, o encontro foi organizado pola propia escola portuguesa dentro da semana de seminarios do alumnado de cuarto curso, co propósito de facilitar a transición entre a formación académica e a incorporación ao mercado laboral. A xornada permitiu o contacto directo entre estudantes e entidades sanitarias, co fin de achegar información sobre condicións de traballo, acceso ao emprego, desenvolvemento profesional, especializacións e outros aspectos relacionados coa carreira enfermeira.

O equipo da Área Sanitaria estivo encabezado pola directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Josefa Rodríguez, acompañada por Verónica Civeira, subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria; e polos supervisores de Enfermaría da área Cecilia Merino e Cristian Vispo.

Na súa intervención, Rodríguez Araujo expuxo as características organizativas e de infraestruturas da Área Sanitaria, así como os procedementos de inscrición nas listas de contratación a través do programa FIDES, ademais das ofertas públicas de emprego e as especialidades que están implantadas na provincia.

A actividade permitiu tamén destacar a importancia da enfermaría dentro dos equipos asistenciais, tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, nun contexto no que esta profesión ten un papel cada vez máis relevante na continuidade dos coidados, na educación sanitaria, na atención á cronicidade, na seguridade asistencial e na humanización da atención.

Trátase do segundo ano consecutivo no que a Área Sanitaria participa nesta iniciativa, unha colaboración que se enmarca na relación estable coa Escola Superior de Saúde da Cruz Vermella Portuguesa – Alto Tâmega. Esta cooperación concrétase especialmente no convenio de prácticas que permite ao alumnado realizar estadías formativas, principalmente no Hospital Público de Verín e noutros centros sanitarios da provincia.

Esta relación forma parte, ademais, da colaboración máis ampla establecida no marco da Eurocidade Chaves-Verín, unha estrutura de cooperación transfronteiriza orientada a promover intereses comúns entre ambos territorios.

0.15513491630554