A Área Sanitaria de Ourense-Verín-Valdeorras e a Fundación Quesada Blanco renovan o seu convenio ante o décimo aniversario

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a Fundación Xaime Quesada Blanco renovaron o convenio de colaboración que ambas as entidades manteñen desde hai case unha década. Grazas a este acordo, o Hospital Universitario de Ourense pode amosar nas súas instalacións obra do escultor Xaime Quesada Porto e do seu fillo, Quesada Blanco, pezas que, desde a apertura do edificio de hospitalización, forman parte da identidade visual do centro.
O convenio chegará en 2027 ao seu décimo aniversario, un fito que ambas as institucións xa están a preparar cunha programación especial. Esta incluirá novas iniciativas conxuntas, entre as que destaca un proxecto pensado especificamente para o público infantil e adolescente.
Coa renovación deste acordo, a Área Sanitaria e a Fundación reafirman a súa intención de seguir apostando pola arte como ferramenta de humanización dos espazos sanitarios públicos, integrando a creación artística no día a día do hospital como un elemento que acompaña tanto a pacientes como a profesionais e visitantes.