A Asociación Amigos da Cociña Galega promoverá a gastronomía ourensá en Xapón
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial a Javier Outomuro, presidente da asociación Amigos da Cociña Galega, entidade que preserva o patrimonio gastronómico galego e difunde o labor dos cociñeiros polo mundo. Menor trasladou ao presidente do colectivo e ao resto de membros do equipo directivo que acudiron á reunión o compromiso da institución ourensá cos obxectivos estratéxicos da entidade, especialmente na difusión dos produtos da nosa terra.
No encontro de traballo tamén participaron o vicepresidente da asociación, Francisco Gómez; o tesoureiro, Javier Lorenzo; o director, Xosé Luis Reza e o vogal Orlando Pérez.
Menor trasladoulles o “orgullo” de que a presenza ourensá na asociación sexa tan representativa, con membros que dispoñen de establecementos de primeiro nivel na provincia, dixo o presidente provincial.
Menor recolleu as demandas dos hostaleiros, cuxa inquedanza máis inmediata é presentar a gastronomía ourensá e galega en Xapón. Neste sentido, asegurou que a Deputación seguirá apostando por un sector que supón “unha das actividades económicas esenciais para a provincia, para creación de riqueza, emprego e servizos que atraen visitantes a Galicia”.
O presidente provincial sinalou que a cociña ourensá “é unha das mellores embaixadoras que podemos ter”, polo que reiterou o “compromiso absoluto e sincero” coas intencións de Amigos da Cociña Galega de medrar e seguir exhibindo a tradición gastronómica no exterior.
Por outra banda, o hostaleiro Javier Outomuro, destacou que como asociación “seguiremos defendendo a gastronomía galega e levándoa polo mundo adiante”, con actividades concretas como a intención de presentar os produtos ourensás en terras xaponesas.