A Asociación Apícola Abellas Nais recibiu máis de 600.000 euros en axudas da Xunta desde 2021

As achegas están destinadas a mellorar a competitividade das explotacións e contan este ano cun orzamento superior aos 1,4 millóns de euros
balseiro-asocacion-apicola-abellas-nais
27 May 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, visitou as instalacións de Miel Casa Merche, situadas no concello de San Cibrao das Viñas e propiedade de Mercedes Alonso, presidenta da Asociación Apícola Abellas Nais.

Durante a visita, o director xeral puxo en valor as axudas destinadas pola Consellería do Medio Rural ao sector apícola para mellorar a competitividade das explotacións. Neste sentido, destacou que a Asociación Apícola Abellas Nais, que conta con máis de 150 socios, recibiu desde o ano 2021 máis de 600.000 euros a través desta liña de achegas.

Segundo explicou Balseiros, estas subvencións teñen como principais obxectivos o mantemento e o fomento da actividade apícola en Galicia, polos beneficios ambientais e económicos que achegan as abellas.

A convocatoria correspondente a 2026 está dotada cun orzamento superior aos 1,4 millóns de euros. As axudas financiarán actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, coincidindo cunha campaña apícola completa.

Entre as actuacións subvencionables inclúense servizos técnicos, investimentos en activos materiais e inmateriais, medidas para combater invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose, así como iniciativas de análise, promoción, comunicación, comercialización e mellora da calidade dos produtos apícolas.

0.12465190887451