A Asociación Cultural Frei Canedo presenta o programa do Entroido no barrio de A Ponte

OurenseXa
Dende a asociación salientan que entre as principais novidades deste ano está o concurso de comparsas que participarán no desfile polas rúas da Ponte o luns día 12 de febreiro.
Frei_Canedo_programa_entroido_A_Ponte
Frei_Canedo_programa_entroido_A_Ponte
3 feb 2024

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte vén de presentar o seu programa de actividades para o Entroido de 2024, que volverá a encher de festa, cor e ledicia as rúas do populoso barrio de Ponte Canedo en Ourense. Os pontinos e as pontinas desfrutarán dunha nova edición do Entroido organizado dende a cofradía de Frei Canedo, que este ano contará con importantes novidades e que volverá a ter o seu epicentro no parque da Ribeira de Canedo, a carón da Ponte Romana.

Dende a asociación salientan que as principais novidades deste ano será o concurso de comparsas que participarán no desfile polas rúas da Ponte o luns día 12 de febreiro a partir das 20:15 horas, un obradoiro de elaboración de queixos enfocado aos cativos e cativas que terá lugar o domingo ao longo de todo o día, ou unha festa DJ o venres pola noite, para acompañar o resto de actuacións musicais.

“Levamos meses traballando con moita ilusión e poñendo moito esmero na organización dunha nova edición do Entroido, na que apostamos por novidades, pero na que tamén manteremos as diferentes actividades que viñamos organizando ao longo dos últimos anos”, explican dende a xunta directiva da Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte. As diferentes actividades celebraranse entre o xoves 8 e o luns 12 de febreiro, que como cada ano será o día grande en Frei Canedo e no barrio da Ponte. Dende Frei Canedo animan a toda a veciñanza e aqueles que desexen desfrutar do Entroido a “pasarse polo barrio da Ponte e deixarse levar por unha nova edición de festa, que fará as delicias de tódolos presentes”.

A festa e actividades comezarán o xoves 8, coa celebración de comadres, na que os e as membros da cofradía celebrarán unha cea baile na sede da asociación cultural, na que tamén están convidados acompañantes. Como cada ano todos e todas os asistentes deberán acudir disfrazados de muller.

O venres comezará a festa na carpa instalada no parque da Ribeira de Canedo. Esa mesma noite a partir das 23:00 horas haberá actuación musical a cargo dos Coleguitas. Ás 21:00

comezará a festa DJ, que se retomará novamente a partir da 1:00 horas e hasta fin de festa. Para o sábado está previsto tamén a actuación da orquestra Galilea e un baile de disfraces para todos aqueles que desexen acompañarnos na carpa.

“O domingo como cada ano apostaremos polas actividades enfocadas aos máis pequenos e ás máis pequenas”, afirman dende Frei Canedo. De 11:00 a 14:00 a zona da ponte romana acollerá diferentes xogos para as crianzas. Ás 12:00 horas comezará a sesión vermú a cargo de Begoña Mazaira e Rubén Prado. Posteriormente os e as asistentes poderán xantar na zona, xa que haberá dispoñibles postos para a venta de polbo, carne o caldeiro, pan e viño e mesas para poder degustar estes manxares. Xa pola tarde, de 19:30 a 21:00 haberá animación infantil e agasallos para os máis pequenos e as 21:00 comezará un concerto a cargo de En Mala Hora. Ademais de 11:00 a 19:00 celebrarase o obradoiro de queixos.

Xa por último, o luns 12, día grande de Frei Canedo, a festa comezará pola mañá coa Big Band Charanga que percorrerá as rúas do barrio. Xa pola tarde darán comezo os solemnes actos a partir das 19:30 horas coa purificación do lugar co potafumeiro, o bautismo de novos cofrades e o sermón a cargo da súa santidade e fillos. Posteriormente, ás 20:15 horas comezará a solemne procesión polas rúas do barrio, coa presenza de comparsas e charangas. Ás 22:00 terá lugar unha cea para honrar a Frei Canedo e xa a partir das 23:30 horas haberá actuación musical a cargo da orquestra Alkar e coma de costume ás 00:00 lanzaranse os tradicionais fogos de artificio.