A Asociación Cultural Rebulir abre o prazo para presentar as candidaturas dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2026

GaliciaXa | OurenseXa
As propostas poderán presentarse ata o 5 de xullo e a gala celebrarase en decembro en Ramirás
premios-rebulir-2025
27 Jun 2026

A Asociación Cultural Rebulir abriu o prazo de candidaturas para os Premios Rebulir da Cultura Galega 2026, unha convocatoria na que poden participar colectivos ou persoas a título individual a través dun formulario habilitado pola organización.

As propostas poderán presentarse ata o 5 de xullo de 2026, data límite para a recepción de candidaturas. Posteriormente, reunirase o xurado desta edición, que será o encargado de deliberar e decidir as persoas e entidades galardoadas nas distintas categorías.

Os premios establécense nas seguintes modalidades: Música Galega, Artes Escénicas / Patrimonio, Homenaxe e o Premio Rogelio García Yañez, destinado a proxectos de cultura galega no exterior.

Nesta edición 2026 introdúcense dúas novidades principais. Por unha banda, ábrese o “Premio especial Rogelio García Yañez” a colectivos que traballen na difusión e posta en valor da cultura galega fóra de Galicia. Por outra, incorpórase a figura da “candidatura popular”, que contará cun voto no xurado, de maneira que a proposta máis votada en cada categoría sumará esa puntuación adicional.

Segundo as bases, non se permitirá que ningunha persoa ou entidade se presente a si mesma nin a colectivos dos que forme parte, sendo necesario que as candidaturas sexan presentadas por terceiros e debidamente argumentadas.

A gala de entrega dos premios terá lugar no mes de decembro de 2026 no Complexo Rogelio García Yáñez, no concello de Ramirás, no marco da Gala Central do FIR.

0.12544798851013