A Asociación Cultural Rebulir impulsa unha nova edición do programa “Cantamos ó Maio”


A Asociación Cultural Rebulir impulsa unha nova edición do programa “Cantamos ó Maio”, unha iniciativa coa que busca reforzar a recuperación e posta en valor das tradicións vinculadas aos Maios na comarca da Baixa Limia–Celanova.
A entidade, que nos últimos anos vén desenvolvendo diferentes accións de dinamización cultural en Galicia, enmarca este proxecto dentro do seu labor de conservación do patrimonio inmaterial e de transmisión das tradicións populares ás novas xeracións.
O programa desenvolverase ao longo do mes de maio no concello de Ramirás e combinará actividades de carácter participativo e divulgativo. Entre elas inclúense a elaboración e colocación dos Maios, obradoiros, roteiros de carácter etnográfico e propostas de animación cultural orientadas á implicación da veciñanza.
Dentro da programación destaca a charla “As herbas medicinais en Galicia”, prevista para o 2 de maio no Local Social de San Andrés (Vilavidal) e impartida por Cristina Conde, na que se afondará nos usos tradicionais das plantas medicinais e a súa relación coa cultura popular.
A iniciativa servirá tamén como antesala da “Verbena do Rella”, prevista para o 4 de xullo, que Rebulir impulsa como un evento de música folk e tradicional co obxectivo de consolidarse como unha cita de referencia na provincia de Ourense.
Segundo a organización, estas propostas buscan manter vivas as tradicións ao tempo que se adaptan a formatos participativos actuais, favorecendo a súa continuidade e difusión.
As actividades son de participación aberta e, no caso da charla sobre plantas medicinais, a inscrición pode realizarse de forma gratuíta a través da web da asociación.