A Asociación diabética Auria celebrará a súa Andaina Solidaria deste 2025 en Allariz

A Asociación Diabética Auria escolleu Allariz como lugar onde realizar a Andaina Solidaria neste 2025, converténdose no escenario dunha nova iniciativa solidaria. O evento deportivo e social terá lugar o vindeiro domingo 23 de marzo, en beneficio da Asociación Diabética Auria. A actividade está aberta a toda a cidadanía e busca sensibilizar á poboación sobre a diabetes, ademais de fomentar hábitos de vida saudables.
Este venres, varias persoas representantes da Asociación Diabética Auria desprazáronse até Allariz para presentar a Andaina Solidaria. A Asociación estivo representada por Paz Gómez, presidenta; Margarita Diéguez, vicepresidenta; e Ester Dorribo, traballadora social. Acompañáronas tamén Carlos Puga, concelleiro de Deportes de Allariz, que colabora xunto á Asociación para garantir que o evento de 2025 sexa un éxito e unha experiencia positiva para todas as persoas participantes.
A saída está programada para as 10:00 horas do sábado 23 de marzo desde a Alameda de Allariz, Km0 Willy, xunto ao Boi de Pedra. As persoas interesadas poden inscribirse por un custo de 5 euros, que serán destinados integramente á Asociación Diabética Auria. As inscricións poden realizarse a través de Bizum, na sede da Asociación ou na piscina municipal de Allariz, con prazo límite ata o mércores 19 de marzo.
A proba contará con dúas rutas circulares de diferente dificultade: unha curta de 9 km e outra longa de 15 km, con avituallamento intermedio e un pincho ao rematar. Os dorsais poderán recollerse na piscina de Allariz o sábado 22 de marzo en horario de 9:00 a 14:00 h ou o propio domingo desde as 9:00 h ata o inicio da proba.
A Asociación Diabética Auria, organizadora do evento, agradece a colaboración do Concello de Allariz, Protección Civil, e diversas empresas privadas como O Forno do Tomás, Sousas e Tito Rivela.