A Asociación Forestal de Galicia conmemora o seu 40 aniversario cun acto en Celanova

GaliciaXa | OurenseXa
A xornada serviu para facer balance da actividade recente e definir liñas de actuación para o futuro do monte galego
asemblea-afg-celanova
25 Apr 2026

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou en Celanova a súa asemblea xeral ordinaria, coincidindo coa conmemoración do seu 40 aniversario, nun encontro que serviu para facer balance da actividade recente e definir liñas de actuación para o futuro do monte galego.

Durante a xornada, que tivo lugar na Rectoral de Ansemil, aprobáronse por unanimidade tres resolucións consideradas clave pola entidade. Entre elas, destaca a aposta pola investigación en novas especies de coníferas ante os problemas sanitarios que afectan o piñeiro en Galicia, así como a petición dunha revisión fiscal que non penalice a xestión destas masas forestais.

Outro dos eixos abordados foi a necesidade de impulsar compensacións polos servizos ecosistémicos que prestan os montes, especialmente nos espazos incluídos na Rede Natura 2000 e nas áreas próximas a núcleos urbanos. Ademais, a AFG reclamou unha maior participación do sector forestal na elaboración de futuras normativas, como as relativas á prevención de incendios ou aos montes veciñais.

Na asemblea tamén se presentou o balance de actividade correspondente ao último ano, no que se puxo en valor o labor técnico desenvolvido para as persoas asociadas, así como o impulso a fórmulas de xestión conxunta e iniciativas vinculadas á certificación de servizos ambientais.

O encontro incluíu igualmente un acto conmemorativo polo 40 aniversario da asociación, no que participaron socias e socios de distintas xeracións, reflectindo a traxectoria e diversidade da entidade. A xornada concluíu cun xantar de convivencia e unha visita a Vilanova dos Infantes.

0.12036991119385