A Asociación Xuvenil Amencer celebra en Allariz a súa asemblea anual de programación esta fin de semana

A Asociación Xuvenil Amencer, con sede en Ourense, celebra este venres 25 e sábado 26 de setembro a súa corenta asemblea anual de programación, un encontro que reunirá a máis de 30 animadores e animadoras vinculados á entidade.
Trátase dunha cita que a asociación organiza cada ano ao inicio de curso, na que participan os animadores, animadoras e responsables das distintas seccións e proxectos de Amencer. O obxectivo é facer balance do curso anterior e planificar o traballo do novo curso 2026/2027.
O encontro persegue tres finalidades principais: favorecer a convivencia entre o equipo de animadores deste curso, revisar como se desenvolveu a actividade da asociación durante o curso pasado, e organizar o funcionamento do novo curso que arranca agora. Está dirixido a tódolos animadores e animadoras que forman parte dos equipos de Amencer, a quen se incorpore de novo a estes equipos, e tamén a socios e socias interesados en colaborar en tarefas de animación.
A actividade comezará o venres ás 19.00 horas, momento no que os animadores e animadoras partirán desde a sede de Amencer cara ao albergue salesiano de Allariz, onde terá lugar a asemblea. Os traballos centraranse en revisar os obxectivos e actividades desenvoltos o curso anterior, programar as metas e proxectos do novo curso, e organizar os preparativos do 40º aniversario da asociación.
Durante o encontro tamén se compartirá información sobre a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia e a Confederación, ademais de cuestións relativas a economía, organización interna, a lotaría de Nadal, os recursos dispoñibles de Amencer, as novidades do ano e o calendario previsto para o curso 2026/2027.
Paralelamente, o equipo de animación do movemento ADS aproveitará a tarde do sábado 26 para celebrar nos locais de Amencer a súa propia xuntanza de programación correspondente ao primeiro trimestre do curso, na que participarán animadores, animadoras, preanimadores e preanimadoras dos grupos de ADS. Esta cita desenvolverase entre as 16.00 e as 17.30 horas.