A Asociación Xuvenil Amencer organiza a XXIX Feira sen Fume con motivo do Día Mundial sen Tabaco

OurenseXa
Será este sábado coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense
cartel-feira-sen-fume-amencer
29 May 2026

A Asociación Xuvenil Amencer celebrará este sábado, 30 de maio, a XXIX edición da Feira sen Fume, unha actividade que se enmarca arredor do Día Mundial sen Tabaco e que conta este ano coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

A iniciativa terá lugar nos xardíns e campos do colexio Salesianos de Ourense, entre as 11.15 e as 12.45 horas, e está dirixida a rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos, así como aos participantes dos grupos Saltimbanquis, Andaina e ADS.

A actividade consistirá nunha xincana lúdica e educativa deseñada para promover hábitos de vida saudables e previr o inicio do consumo de tabaco entre a mocidade. En pequenos grupos, os participantes deberán superar distintas probas distribuídas polos espazos do colexio, nun formato cooperativo e de carácter motivador.

Entre as actividades propostas inclúense xogos como “Escapa do tabaco”, “Bomba de fume”, “Os malos fumes”, “Memori do tabaco”, “Desmentindo mitos”, “O tabaco e os seus danos”, “Coidamos o medio ambiente” e “Quiz do tabaco”, todas elas orientadas a traballar a prevención desde unha perspectiva lúdica.

Ao remate da xincana, está previsto un encontro conxunto no que se entregará material informativo e de promoción dunha vida sen tabaco a cada participante, así como folletos destinados ás familias.

Segundo a organización, os obxectivos da actividade pasan por sensibilizar sobre os riscos do consumo de tabaco, fomentar estilos de vida saudables, educar a través do xogo e contribuír a retrasar ou evitar o inicio do consumo entre a poboación máis nova, ademais de dar a coñecer a conmemoración do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra o 31 de maio.

 

0.12589001655579