A Asociación Xuvenil Amencer organiza actividades para a moidade de Ourense durante toda a Semana Santa

OurenseXa
Haberá obradoiros creativos, un torneo de baloncesto e espazos de xogo e estudo
actividades-amencer
26 Mar 2026

A Asociación Xuvenil Amencer, situada na Praza Don Bosco, inicia esta semana un programa especial de actividades para nenos, nenas e mozos e mozas co obxectivo de facer destas vacacións escolares de Semana Santa un tempo de encontro, diversión e aprendizaxe. A iniciativa, que se prolonga ata o luns 6 de abril, busca achegarse aos rapaces que non participan das actividades semanais habituais e ofrecer alternativas de ocio seguras e enriquecedoras, ademais de facilitar a conciliación familiar.

O programa inclúe obradoiros creativos como o “Abanico de Semana Santa”, que se celebrará mañá xoves 26 de marzo, e espazos abertos para xogos e estudo, como a Sala de xogos, a Ludoteca, a Tebeoteca e a Sala de Estudos. Estes espazos están pensados para que os mozos poidan compartir tempo con amigos, xogar ou desenvolver proxectos que non se realizan durante o curso ordinario.

Un dos momentos destacados será o torneo de 3x3 de baloncesto, organizado pola sección de baloncesto de Amencer en colaboración coa Asociación Deportiva Bosco e a Concellería de Deportes do Concello de Ourense. O evento terá lugar o luns 30 de marzo no ximnasio de Salesianos, na praza Don Bosco, e busca fomentar a práctica deportiva como forma de ocio saudable. O prazo de inscrición pecha o domingo 29 ás 18:00 horas, e o sorteo dos equipos celebrarase o propio luns ás 10:45 horas.

Ademais, a asociación mantén activo o proxecto “Amencer á Carta”, que permite a grupos de rapaces e rapazas reservar salas e espazos para xogar, estudar ou compartir tempo con amigos durante toda a Semana Santa, adaptándose así ás necesidades de conciliación e ocio da rapazada.

Segundo a asociación, estas actividades buscan converter as vacacións en momentos cheos de ledicia e festa, evitando tempos mortos e promovendo o encontro entre iguais nun ambiente seguro e supervisado.

0.1269519329071