A Asociación Xuvenil Amencer pon en marcha 'Tempo de Troula 2026' para as tardes de setembro en Ourense

OurenseXa
A iniciativa, dirixida a menores de entre 3 e 12 anos, desenvolverase de luns a venres en horario de tarde ata finais de mes, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar a través de actividades lúdicas e educativas
XIV Tempo de Troula
7 Sep 2026

A Asociación Xuvenil Amencer pon en marcha, un ano máis, o seu proxecto de tempo libre 'Tempo de Troula', que comezará este mércores 9 de setembro ás 15.00 horas e se prolongará ata o mércores 30 dese mesmo mes.

A proposta está pensada para rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos, é dicir, dende 4º de Educación Infantil ata 6º de Educación Primaria, e desenvolverase de luns a venres en horario de tarde, de 15.00 a 17.30 horas, durante as primeiras semanas de setembro. As actividades terán lugar nas instalacións do colexio salesiano María Auxiliadora de Ourense.

Este proxecto xorde como resposta á necesidade de conciliar a vida laboral e familiar no inicio do curso escolar, un período no que algúns centros educativos aínda non imparten clases pola tarde, polo que a rapazada conta con máis tempo libre. Ademais, permite aproveitar as infraestruturas do propio centro máis alá do horario lectivo.

Entre os obxectivos da iniciativa atópanse educar en valores a través do xogo, favorecer a creatividade dos participantes, propiciar a participación e o traballo en equipo, e seguir dando uso ás instalacións do colexio fóra do horario escolar.

Para levar a cabo a actividade contarase cun coordinador e un equipo de animadores e animadoras, todos eles voluntarios da Asociación Xuvenil Amencer, que levan semanas preparando con ilusión esta nova edición da súa proposta de ocio educativo.

0.17841291427612