A banda distiNtos presenta na capital ourensá o seu rock en galego este venres

OurenseXa
A formación ofrecerá unha actuación de entrada de balde este venres, coa que retoma o seu percorrido despois da súa primeira aparición na mesma sala o pasado mes de maio
distiNtos concerto Ourense
8 Sep 2026

Ourense acollerá este venres 11 de setembro un novo concerto de rock en galego da man da banda local distiNtos. A cita será no espazo Ceres 1894, situado na Praza Saco y Arce, a partir das 21.00 horas, coa apertura de portas unha hora antes. A entrada será de balde.

distiNtos é un proxecto xurdido en Ourense tras a pandemia, formado por Jorge Emilio Bóveda, coñecido como Vault, á voz e ao baixo; Iván Valcarce, Valkaisser, á guitarra e aos coros; e Xurxo Bóveda, XUR, á batería.

Esta actuación supón o arranque oficial da formación como banda en activo e chega despois da súa primeira toma de contacto co público nese mesmo local o pasado mes de maio, cando participaron na presentación da revista INviable.

Desde o grupo definen a súa proposta como un rock cargado de mensaxe e de humor, con guitarras coidadas e letras que combinan a ironía coa reflexión, sen renunciar á forza do directo. Neste sentido, Vault, voz e baixo da banda, sinalaba recentemente que buscan "desestresar a esta sociedade crispada a base de rock con mensaxe".

Na presentación do proxecto, o xornalista Carlos Rego destacaba precisamente esa combinación de sinxeleza aparente e fondo traballado: un trío cun guitarrista destacado, un batería novo e un baixista-cantante de marcado carácter escénico, cuxo son esconde máis matices dos que suxire unha primeira escoita. Rego describe o seu estilo como un rock directo e de acordes recoñecibles, pero tocado con coidado, no que a crítica social convive coa ironía e cun punto de humor absurdo, herdeiro en certo modo da tradición do rock galego máis combativo e reflexivo.

Con este concerto, distiNtos busca consolidarse na escena musical ourensá e dar continuidade a un proxecto que combina o rock en galego cun discurso propio, entre a crítica e o desafogo colectivo.

0.16561985015869