A Biblioteca de Barbadás organiza un ciclo de actividades infantís para celebrar as Letras Galegas

A Biblioteca municipal, situada na Casa da Cultura Manuel María, acollerá ao longo do mes de maio unha programación especial dirixida ao público infantil co gallo da celebración das Letras Galegas. Baixo o título “Os xoves a biblioteca cóntache...”, o ciclo combinará contacontos, maxia e espectáculos para achegar a lectura e a narración oral á cativada.
As actividades desenvolveranse todos os xoves do mes ás 18.30 horas e contarán coa participación de distintos profesionais do ámbito cultural. O programa comeza o xoves 7 de maio co espectáculo “Os teus libros teñen maxia”, a cargo do mago Fernando Izquierdo.
A seguinte cita será o 14 de maio con “Contos con xeito”, de Bea Campos, mentres que o 21 de maio será a quenda de “Estrafalaria”, proposta presentada por Atenea García. O ciclo pecharase o 28 de maio con “Príncipas e Princesos”, de Pablísimo.
Desde a organización destacan que esta iniciativa busca ofrecer alternativas de lecer cultural e fomentar o interese pola lectura entre os máis novos nun ambiente lúdico e participativo.
As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico da biblioteca, abríndose o prazo de inscrición na propia semana de cada actividade.