A Biblioteca do Pereiro pon en marcha unha nova actividade de fomento da lectura para os máis pequenos

A Biblioteca do Pereiro incorpora á súa programación unha nova iniciativa dirixida ao público infantil baixo o nome de 'Tardes de Biblio'. Trátase dunha proposta pensada para achegar a lectura aos máis pequenos a través dun espazo deseñado especialmente para eles, no que poidan aprender, gozar e compartir momentos de lecer en compañía.
A actividade organizarase en dous grupos segundo a idade das persoas participantes. O primeiro deles estará dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 7 anos, que poderán asistir os martes en horario de 17.30 a 18.30 horas, cun inicio previsto para o vindeiro 20 de outubro. O segundo grupo, destinado a menores de entre 8 e 10 anos, terá lugar os mércores, tamén de 17.30 a 18.30 horas, comezando o 21 de outubro.
Cada un dos grupos contará cun máximo de 10 prazas dispoñibles. Dende a organización indicouse que, no caso de que a demanda supere o número de prazas ofertadas e queden nenos ou nenas sen poder participar, valorarase a posibilidade de habilitar un día adicional para dar resposta a ese interese.
As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos ou fillas nesta actividade poden facelo chamando ao teléfono 685 528 538. Con esta iniciativa búscase ofrecer aos máis pequenos unha forma amena e participativa de achegarse aos libros e á lectura.