A Biblioteca Nós de Ourense acolle unha charla sobre sexismo nas campañas institucionais e unha visita guiada a unha exposición de arte

A Biblioteca Pública de Ourense Nós acolle esta semana dúas actividades puntuais dirixidas ao público adulto, unha centrada na reflexión social e outra no ámbito artístico.
A primeira cita é hoxe, xoves 5 de novembro, ás 18.00 horas, cunha charla impulsada polo Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia (GETS-IT), pertencente á Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense. Baixo o título ‘¿Poden ser sexistas as campañas institucionais contra o sexismo?’, a actividade propoñerá unha reflexión sobre a necesidade de incorporar unha mirada de xénero interseccional no deseño das campañas de sensibilización e prevención fronte á violencia machista.
A segunda actividade terá lugar mañá, venres 6 de novembro, tamén ás 18.00 horas, cunha visita guiada á exposición ‘Albor’. Neste caso, o percorrido contará coa presenza da súa autora, Paula Labrador (coñecida nas redes sociais como @labra_art), quen acompañará persoalmente ao público ao longo das súas obras. A mostra poderá visitarse no vestíbulo da biblioteca desde o día 6 ata o 30 de novembro.