A Biblioteca Provincial ultima a catalogación dos preto de 3.000 exemplares do arquivo persoal de Xesús Alonso Montero

OurenseXa
Os traballos permitirán poñer a disposición de profesionais, investigadores e público en xeral o arquivo documental e a biblioteca do filólogo e catedrático
biblioteca-provincial-ourense
11 Aug 2026

A Biblioteca da Deputación de Ourense está a ultimar os traballos técnicos de revisión e catalogación dos preto de 3.000 exemplares que forman parte da biblioteca persoal do académico Xesús Alonso Montero, xunto co seu arquivo documental. Estes fondos, adquiridos pola institución provincial, permanecen custodiados na Biblioteca da Deputación desde 2011.

Entre as últimas vontades de Xesús Alonso Montero figuraba que a documentación de uso habitual e os libros da súa propiedade que permanecesen no seu despacho se incorporasen ao seu arquivo literario “Alxam”, denominación escollida polo propio intelectual. Tras o seu falecemento, en febreiro deste ano, este fondo ampliouse con preto de 500 novos exemplares e carpetas que reúnen documentación particular.

A catalogación que está a realizar a Biblioteca da Deputación permitirá facilitar o acceso a estes fondos a profesionais, investigadores e público en xeral. A biblioteca do filólogo e catedrático constitúe ademais un complemento do seu arquivo literario, que reúne documentación relacionada co estudo de diferentes intelectuais e escritores galegos.

Entre os autores abordados nos materiais atópanse Castelao, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, sobre os que Alonso Montero tamén publicou varios libros.

O arquivo inclúe igualmente artigos xornalísticos e documentación vinculada á súa traxectoria política, así como materiais relacionados cos máis de trinta anos nos que formou parte da Real Academia Galega. Alonso Montero presidiu esta institución entre 2013 e 2017.

A biblioteca persoal e o arquivo documental constitúen, deste xeito, unha fonte bibliográfica de interese para o estudo da obra literaria de Xesús Alonso Montero. Unha vez rematados os traballos, as consultas dos fondos poderán realizarse a través da páxina web da Deputación de Ourense, no apartado da Biblioteca e mediante a ligazón “O noso catálogo”.

A incorporación do arquivo persoal de Xesús Alonso Montero amplía os fondos bibliográficos e documentais da Biblioteca da Deputación de Ourense, que conta actualmente con preto de 60.000 exemplares.

Entre estes fondos figuran 22 bibliotecas específicas de autores ourensáns e coleccións de especial relevancia. Entre elas atópanse as de Eduardo Blanco-Amor, Ben Cho Shey, Pura de Dora Vázquez, Manuel Albendea e Matilde Lloria, así como a colección “carlista” de Rego Nieto.

A Biblioteca da Deputación conserva tamén o fondo local máis antigo existente sobre Ourense, realizado por Benito Fernández Alonso, cronista da provincia de Ourense.

0.13553905487061