A Biblioteca Pública de Ourense Nós prepara unha semana chea de actividades culturais

A Biblioteca Pública de Ourense Nós organiza para esta próxima semana unha extensa programación cultural dirixida a público xeral, infantil e familiar, con actividades que combinan literatura, narración oral e aprendizaxe.
O mércores 6 de maio ás 19:00 horas, a sala de conferencias será escenario da presentación do libro Ni paraíso ni mierdas, da autora Ena Beisly. A obra, editada por Estrella del Norte Edicións, relata a historia de Bárbara, unha adolescente de 16 anos que é expulsada do instituto durante 40 días. O acto está aberto ao público en xeral.
Ese mesmo día, ás 18:00 horas, a sala de actividades infantís acollerá o obradoiro La acción cuenta na biblioteca, a cargo de Madremáticas. A proposta combina contacontos e actividades baseadas nun álbum ilustrado para traballar a comprensión lectora a través das matemáticas. Está dirixido a nenos e nenas de 8 e 9 anos, ten unha duración estimada de 90 minutos e prazas limitadas. A inscrición poderá realizarse a partir do luns 4 ás 9:00 horas nos teléfonos 988 788 385 ou 988 788 386. Ao remate, as persoas participantes recibirán un exemplar do libro empregado.
Xa o sábado 9 de maio ás 12:00 horas terá lugar a actividade Mitos, lendas e cantigas: Homenaxe a Begoña Caamaño, con Servando Barreiro. Trátase dun espectáculo de narración oral e música en directo inspirado na obra da autora, que revisa a mitoloxía clásica desde unha perspectiva feminina. A través de romances, cantigas e relato oral, recupera figuras como Circe, Penélope ou Morgana, poñendo en valor o papel das mulleres no mito e na tradición oral. A actividade está pensada para público familiar, ten unha duración de 45 minutos e require inscrición previa desde o luns 4 ás 9:00 horas nos mesmos teléfonos.