A Bola mellora as infraestruturas de saneamento do municipio cun investimento de 45.000 euros

OurenseXa
Os traballos, financiados pola Xunta de Galicia, céntranse en reducir as infiltracións na rede de saneamento
mellora-rede-saneamento-a-bola
5 Jun 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello da Bola para supervisar, xunto coa alcaldesa María Teresa Barge, o estado das obras de rehabilitación de colectores con infiltracións e de dixitalización das infraestruturas de saneamento do municipio.

A actuación, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, conta cun investimento próximo aos 45.000 euros e enmárcase na orde de axudas de 2025 destinada a reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais.

Durante a visita, o representante autonómico destacou que estas intervencións forman parte dunha estratexia máis ampla de apoio aos concellos ourensáns. Segundo explicou, no conxunto da convocatoria do ano anterior resultaron beneficiados 23 municipios da provincia, entre eles A Bola, Castrelo do Val, Oímbra, Castrelo de Miño, Bande, Trasmiras, Petín, Toén, Cualedro, Boborás, A Arnoia, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo, Monterrei, Muíños, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, O Riós, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras, Os Blancos, Coles e Vilardevós. En total, estas axudas sumaron máis de 940.000 euros.

Aproveitando a súa estadía no municipio, Manuel Pardo lembrou tamén que Augas de Galicia mantén aberta unha nova convocatoria destas subvencións, cun orzamento superior aos 2,5 millóns de euros e prazo de solicitude ata o 22 de xuño. Estas achegas cobren o 100 % do investimento subvencionable, excluído o IVE, cun máximo de 45.000 euros por proxecto, e están dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes co obxectivo de reducir perdas nos sistemas de abastecemento de auga.

No caso da intervención executada na Bola, os traballos céntranse na rehabilitación dun tramo de aproximadamente 100 metros de colector, no que se aplicou unha técnica de encamisado con manga continua de fibra de vidro e poliéster, curada con raios ultravioleta. Tamén se levaron a cabo actuacións de impermeabilización e reparación en pozos de rexistro mediante formigóns especiais, resinas e morteiros hidrófugos para corrixir as deficiencias detectadas.

No ámbito da dixitalización, instaláronse sistemas de control en dúas fosas que permiten a transmisión de datos mediante tecnoloxía de radio e funcionan con baterías autónomas. Estes dispositivos posibilitan o seguimento continuo de parámetros como o nivel de enchido, facilitando unha xestión máis eficiente do ciclo urbano da auga.

O delegado territorial concluíu destacando o compromiso da Xunta coa mellora dos sistemas municipais de abastecemento, saneamento e depuración, así como co apoio técnico e económico ás entidades locais para optimizar a xestión dos recursos hídricos.

0.14270401000977