A campaña “Merca no teu comercio 2026” chega  a nove concellos ourensáns

RibeiraSacraXa | OurenseXa
As  compras no Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives, Xinzo de Limia, Ribadavia, Verín, O Carballiño, Allariz, O Castro de Caldelas e Maceda terán premio para dinamizar o comercio de proximidade
presentacion-merca-no-teu-comercio-ourense
7 May 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe na presentación da campaña “Merca no teu comercio 2026”, unha iniciativa impulsada pola Xunta e pola Federación Galega de Comercio co obxectivo de estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade, especialmente nos municipios rurais galegos e nos barrios sen asociación comercial.

No acto estivo tamén presente a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez. A campaña chegará ás asociacións de comerciantes locais e aos concellos do Barco de Valdeorras, A Pobra de Trives, Xinzo de Limia, Ribadavia, Verín, O Carballiño, Allariz, O Castro de Caldelas e Maceda.

A iniciativa desenvolverase nas catro provincias galegas mediante 10 campañas de 15 días de duración en cada unha delas, que rematarán coa correspondente entrega de premios. As accións de dinamización levaranse a cabo entre os meses de maio e outubro e enmárcanse na colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación e dinamización do sector.

“Con esta campaña, a Xunta busca reactivar o consumo e achegar ao consumidor os establecementos locais, poñendo en valor o comercio de proximidade ourensán”, sinalou Manuel Pardo durante a presentación.

As persoas consumidoras que desexen participar deberán rexistrar as súas compras a través da páxina web mercanoteucomercio.com. O rexistro tamén poderá realizalo o comerciante na mesma plataforma, duplicando así a participación do consumidor e incrementando as posibilidades de obter unha das 20 tarxetas prepago de 50 euros que se sortearán en cada campaña. Estas tarxetas poderán ser canxeadas posteriormente nos establecementos comerciais das respectivas localidades.

Durante o acto, o delegado territorial destacou tamén a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar a actividade comercial e favorecer a remuda xeracional nos negocios locais.

A primeira campaña desenvolverase entre o 1 e o 15 de maio no barrio ourensán do Couto. O sorteo das tarxetas prepago terá lugar o 18 de maio e a entrega dos premios celebrarase a finais de mes.

0.14458298683167