A campaña ‘Merca no teu comercio’ promoverá as vendas de proximidade en Ourense

OurenseXa
A iniciativa desenvolverase na provincia de Ourense en dúas edicións, unha delas entre o 1 e o 20 de outubro e outra entre o 1 e o 20 de novembro
Presentación da campaña 'Merca no teu comercio' en Ourense
Presentación da campaña 'Merca no teu comercio' en Ourense
26 sep 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou hoxe en Ourense na presentación da campaña 'Merca no teu comercio', posta en marcha pola Xunta e a Federación Galega de Comercio para estimular a demanda e poñer en valor o comercio de proximidade. No acto tamén estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez.

A iniciativa desenvolverase na provincia de Ourense en dúas edicións, unha delas entre o 1 e o 20 de outubro e outra entre o 1 e o 20 de novembro,  e enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Comercio para avanzar na innovación, dixitalización e dinamización do sector. En cada unha das edicións da campaña sortearase entre todos os tíckets rexistrados por comerciantes ou consumidores directamente, un total de 10.000 euros, repartidos en 50 bonos QR de 200 euros e para canxear nos establecementos adheridos.

Ademais, cada edición inclúe unha gala de entrega de premios na que se sorteará en directo un bono de 1.000 euros. A da primeira edición será o 30 de outubro no Carballiño e a da segunda o 28 de novembro en Verín.

Neste sorteo en directo poderán participar todos os premiados e os seus acompañantes ata completar aforo, segundo as condicións recollidas nas bases -entre elas, presentar tícket de compra nas datas da campaña e unha participación por persoa-. Este premio de 1.000 euros deberá ser gastado pola persoa agraciada nunha única xornada de compras dentro da semana seguinte ao sorteo.

Pulo ao comercio

Durante a presentación da campaña, o director xeral salientou a importancia de accións coma esta para impulsar a actividade comercial e asegurar o mantemento dos negocios promovendo a remuda xeracional. Nesa liña, sinalou que o futuro Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se está a deseñar da man do sector incidirá na importancia deste tipo de actividades para visibilizar este sector clave na xeración de riqueza e emprego e na fixación de poboación na Galicia non urbana.

Precisamente, lembrou Alén, a semana pasada mantivo encontros con representantes de asociacións de comerciantes e de centros comerciais abertos da provincia de Ourense co obxectivo de seguir avanzando na folla de ruta para o sector que a Xunta prevé ter lista no primeiro trimestre do ano que vén.

0.15227913856506