A candidatura da Ribeira Sacra afronta en Corea a avaliación para optar ao recoñecemento como Patrimonio Mundial

A candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio Mundial da Unesco inicia esta semana unha das súas fases decisivas coa súa avaliación no Comité de Patrimonio Mundial, que comezou este luns na cidade surcoreana de Busán e se prolongará ata o 29 de xullo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia presenta unha candidatura “sólida, rigorosa e novidosa”, elaborada a partir dos valores singulares da paisaxe e do patrimonio hidráulico da Ribeira Sacra, elementos que sustentan a proposta para obter o máximo recoñecemento internacional da Unesco.
Segundo explicou tras o Consello da Xunta, o Goberno galego investiu nos últimos anos oito millóns de euros na conservación de bens patrimoniais da Ribeira Sacra e impulsou un total de 90 actuacións en colaboración con outras administracións e entidades para contribuír á protección e posta en valor deste territorio.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou que esta “candidatura de país” permitiu que a Ribeira Sacra “sexa un territorio máis vivo, coidado e recoñecido”.
A representación galega no comité estará encabezada polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, acompañado polo coordinador da candidatura, Mario Crecente. Tamén está prevista a asistencia do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, ademais de representantes dos ministerios de Cultura e de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.
Nesta sesión do Comité de Patrimonio Mundial analizaranse un total de 33 expedientes. A avaliación desenvolverase entre o venres e o luns, mentres que a aprobación do informe final e a adopción das decisións está prevista para o mércores 29 de xullo. Segundo indicou o conselleiro, a resolución sobre a candidatura galega podería coñecerse “entre o domingo 26 e o luns 27”.
O expediente será examinado por representantes de 21 Estados membros do Comité de Patrimonio Mundial: Armenia, Acerbaixán, Bangladesh, Chequia, Granada, Xamaica, Kazakistán, Kenia, Kuwait, Líbano, Mongolia, Perú, Polonia, República de Corea, Senegal, Suíza, Togo, Turquía, Ucraína, República Unida de Tanzania e Vietnam.
Rueda lembrou que a candidatura chega a esta fase “despois dun longo traballo iniciado hai décadas e ao abeiro do traballo coordinado entre o Goberno galego, o embaixador de España ante a Unesco e o Ministerio de Cultura”. O presidente explicou que o documento que agora se somete a avaliación é froito da reformulación realizada tras o aprazamento estratéxico decidido en 2021 para reforzar e mellorar o expediente.
A proposta presentada céntrase nos atributos excepcionais da Ribeira Sacra como unha paisaxe configurada polo uso da auga, cun patrimonio hidráulico de especial relevancia que inclúe muíños, centrais hidroeléctricas e saltos de auga, ademais da singularidade dos canóns e vales fluviais.
De forma paralela á elaboración da candidatura, a Xunta desenvolveu actuacións de conservación e rehabilitación en diferentes elementos patrimoniais da comarca, tanto na provincia de Lugo como na de Ourense. Entre elas figuran intervencións en igrexas, mosteiros, museos, castros e xacementos romanos, realizadas en solitario ou en colaboración con outras administracións e concellos.