A canella Jorge Ferreiro e a praza da Eiriña serán renovadas

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por 207.195,87 euros as obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, en Xunqueira de Ambía. Os traballos, que se desenvolverán ao abeiro do Plan Hurbe, foron adxudicados á empresa Cruzval Obras y Servicios, S.L.
A actuación ten como finalidade recuperar e poñer en valor estes dous espazos viarios, situados nas proximidades da Colexiata de Santa María a Real, declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931 e Ben de Interese Cultural desde 1985. A zona atópase ademais dentro do ámbito de protección do Camiño de Santiago.
O proxecto contempla a renovación das instalacións urbanas existentes para solucionar problemas relacionados co saneamento e mellorar a recollida das augas pluviais. Tamén se substituirá o actual sistema de iluminación pública por luminarias LED e se actualizarán a sinalética e a pavimentación das rúas.
As actuacións completaranse coa instalación de novo mobiliario urbano. Ademais, as obras deixarán preparadas as preinstalacións necesarias para futuras modificacións ou ampliacións das redes, evitando que sexa necesario volver intervir sobre a pavimentación.
O investimento canalízase mediante o Plan Hurbe, programa a través do cal a Xunta colabora cos concellos para financiar actuacións destinadas á mellora das contornas urbanas e á creación ou renovación de equipamentos.
Neste caso, a Administración autonómica asumirá o 70% do custo da actuación, ademais de encargarse da licitación e execución dos traballos, mentres que o Concello de Xunqueira de Ambía achegará o 30% restante.